«... El camino que se seguía para llegar desde el puerto de Noia hasta Santiago de Compostela era el mismo que recorrían los romanos que comerciaban con los productos que traían por mar y que después de desembarcar en el puerto del Tambre, se distribuían por el interior de Galicia. La calzada ascendía por Toxos Outos y pasaba por Sabugueiro, Costoia, Alto dos Carros, Luaña, Viceso, Brión, por las cercanías del castillo de Altamira en dirección a Aguapesada, Roxos y finalmente Santiago (Ferreira Priegue, F. 1988 (2). Desde Aguapesada el camino era el mismo que el que seguían los peregrinos que iban a Finisterre (Alonso Romero, F. 1993)».
Noia aparece nos escritos dos historiadores latinos como unha poboación da Gallaecia situada na desembocadura do Tambre. Caio Plinio, O Vello, fala dun oppidum cos tres nomes diferentes: Noela, Noeta e Noega. Claudio Ptolomeo refírese a Noia na súa obra Xeografía e o Itinerario de Antonino sitúa o oppidum Noega na Vía Per Loca Marítima. A existencia deste núcleo resulta evidente cando nas escavacións que se realizan en Noia, aparecen restos dunha villae vinculada co Baixo Imperio Romano.
Coa entrada dos suevos en Gallaecia, as terras de Noia quedarán integradas na parroquia de Postmarcos, que pertencía á Sé Episcopal de Iria Flavia. A circunstancia de que no século IX apareza o sartego do Apóstolo, determinará o desenvolvemento do locus apostolicus e o nacemento do Portus Apostoli no ano 1168.
Será nesta primeira etapa da Mitra Compostelá cando Ramiro II e a súa dona, Urraca, emitan un documento que será clave na historia de Noia. O 21 de febreiro de 934 concédenlle á igrexa de Santiago o condado de Postmarcos, que se estendía entre o Ulla e Tambre e comprendía os territorios próximos a Noia:
... Commissum Pistomarcos ab integro secumdum illud obtinuit Lucidus Vimarani, de Ulia in Tamare, ut omnis populus in eodem degens commisso...
Uns anos máis adiante aparecerá por primeira vez Noia nos documentos. O 13 de decembro do 1107 a raíña Urraca outorgaralle ao bispo da cidade do Apóstolo todo canto tiña entre o Ulla e o Tambre. Unha concesión que confirmará o 14 de maio de 1112:
... et de omnibus illis hominibus et hereditatibus quas habeo in Pistomarcos et in Noia et in Compostella, regalem curtem...
Por medio destas concesións, as xentes das terras de Noia estarán durante máis de 800 anos baixo a Mitra Compostelá. Dende entón os veciños de Noia serán gobernados polos Foros de 1113 aprobados polo arcebispo Diego de Xelmírez. Neles contemplábase a administración da xustiza e a defensa do territorio.
Esta amplitude de atribucións queda reflectida cando no 1134 os cabaleiros Froila Afonso e Pedro Muñiz de Carnota precisan permiso para erguer nun lugar recollido –monte territorio Nogia–, onde existía un oratorio dedicado os santos Xusto e Pastor, os primeiros alicerces do mosteiro de Toxosoutos:
... consulente et consenciente domno Didaco, compostellane sedis archiepiscopo, una cum consensu omnium canonicorum eiusdem sedis...
A través dunha doazón do cóengo Pedro Alvitez podemos comprobar como aparece o topónimo de Noia ao describirse o lugar da gorxa do río San Xusto onde se erguía o mosteiro:
... ob honorem monasterii Sacntorum Justi et Pastoris quorum baselica in Luania monte, territorio Nogia, fundata esse cernitur...
No ano 1122 o papa Calixto II concedeulle a graza do Ano Santo á igrexa xacobea. Catro anos despois celebrouse o primeiro Ano Santo Compostelán. Despois destas dúas datas numerosos peregrinos europeos camiñaron dende o Portus Apostoli de Noia ata o Locus Sancti. Varios documentos demostran esta realidade histórica. No ano 1147 reuníronse no peirao inglés de Darmouth unha escuadra, composta de duascentas naves de peregrinos de Borgoña, Alemaña e Inglaterra, que, despois de ancorar nas marxes do río Tambre, acudiron ata o sartego do Apóstolo a onde chegaron o 7 de xuño, véspera do día de Pentecostés.
Coñecemos as peripecias daqueles afoutos peregrinos a través de dúas cartas. A de Osborne, consérvase no Códice número 470 da Biblioteca do Christ´s College de Cambridge. A de Arnolfo, atópase no Mosteiro Aquicintense, preto de Douai (Francia). Os dous formaban parte do continxente de máis de 10.000 homes que se concentraran no porto de Dartmouth. No mes de xuño de 1147 reuníranse nese peirao ao redor de 164 barcos (200 segundo Arnolfo) nos que ían xentes de diversas linguas, costumes e nacionalidades: unha parte da escuadra estaba formaba polo grupo que procedía dos países xermánicos; outra, integrouse con borgoñóns e flamencos; e na terceira estaban os homes que procedían de Norlfolk e Kent.
Os cruzados, segundo conta Osborne, deixaron atrás as costas de Bretaña, chegaron ás rías galegas e fixeron unha breve estadía nos peiraos de Ortigueira (Hinc iterum navigante devenimus Ortigiam) e Coruña (exin ad turren Faris quae olim a Julio Caesare). Despois, aproveitando que a entrada na ría de Muros e Noia, era segura e tranquila e “más rápida que la entrada al puerto de Padrón, al que iban si los vientos impedían dirigirse al puerto del Tambre”, ancoraron na foz deste río:
Ex hinc ad portum Tambre devenimus, vigilia Pentescostes. Distat autem ab ecclesia beati Jacobi millia VII.
Despois da fundación histórica no ano 1168, polo rei de León Fernando II a través dunha Carta Pobra, a afluencia de peregrinos a Noia medrou ao converterse nun importante centro de exportación das mercadorías agrícolas e artesanais da súa bisbarra. E nomeado como restauración do antigo Portus Apostoli, talvez situado preto das costas da Barquiña, tal como aparece no documento rexio:
Quero asemade que todos os habitantes e moradores do referido burgo sexan vosos vasalos e dos Arcebispos de Compostela, e non de ningunha outra persoa. Declaro por último que isto o fago para retaurationem portus Apostoli.
A vila de Noia tivo no medievo tres hospitais: San Lázaro, Sancti Spíritus de Afora e Sancti Spíritus de Adentro. Nas portas principais dos dous últimos existen cunchas de vieira que testemuñan que neles se hospedaban peregrinos. Un documento do século XVI explica tamén que una igrexa e hospital era moi antigo e moi venerable e de moita devoción na vila de Noia... que a ela veñen en romería e demais da dicha igrexa onde hacen estación ansi por jubileos como por la bula de la Cruzada e ao hospital coas súas camas moi boas en onde se recollen pobres ansi os naturales como forasteros. No libro de actas do concello de 1791-1843, consta entre as obrigas do Hospital de "Afora" a de acoller a pobres enfermos e peregrinos.
A chegada destes viaxeiros ao Portus Apostoli realizábase nas naves que traían mercadorías dende o Mar do Norte e o Mediterráneo. Ata o século XVI Noia foi un dos portos máis importantes de Galicia. As fontes documentais testemuñan que entre os anos 1382 e 1503 máis de 50 embarcacións do Portus Apostoli navegaban polas costas do Mar Mediterráneo e o Mar do Norte. Tratábase sobre todo de naves, barcas ou ballaneres de diferentes tamaños, empregados para a guerra e a piratería, como o Santa María Magdalena (1352), San Antón (1364), Santa Ana (1382), San Antón (1383), Santa Trinidad (1392), San Juan (1402), San Jorge (1404), Santa Trinidad (1436), Santa María do Camiño (1462), Santiago (1463), Jhesus (1474), Santiago (1495) e San Benito (1514).
En moitos casos estas naves eran fretadas por comerciantes doutras rexións para transportaren os seus produtos e traeren panos flamencos ou saios de Irlanda, converténdose Noia nun dos “ puertos del sur de Galicia más importantes en la Edad Media..., sin embargo, como Muros no tenía muy buena comunicación por tierra, Padrón fue el puerto de Santiago desde un principio. Con el tiempo fue perdiendo importancia en favor del puerto de Noia que era ya un puerto de marea y, por tanto, más seguro”. Esta constante actividade económica do Portus Apostoli, durante os séculos centrais da Idade Media, determinou que Noia fora un dos núcleos urbanos máis importantes de Galicia. A partir dun modelo de cálculo, no que se contabiliza a extensión dos recintos históricos e o seu emprazamento xeográfico, pódese indicar que as principais cidades galegas eran: Santiago (8.000 habitantes), Pontevedra (6.500), A Coruña (5.760), Tui (3.900), Ourense (3.500), Lugo (3.270), Betanzos (2.000) e Mondoñedo (1.090). Nos postos seguintes, despois de Viveiro, Allariz, Ribadeo, Vigo e A Guarda, estaría Noia con 1.150 habitantes.
Os mariñeiros contarían que o Portus Apostoli ficaba preto de Compostela seguindo o Camiño Real que unía a costa co interior. Durante a idade media houbo ata 64 portos ingleses de saída de peregrinos e a navegación cara a Galicia só duraba catro ou cinco días se as condicións náuticas eran favorables. Os barcos ancoraban no seo da ría e os navegantes entraban no casco histórico pola Porta da Peregrina que daba acceso á Praza do Tapal onde o arcebispo Lope de Mendoza erguera no Ano Santo de 1434 a igrexa de San Martiño. Tamén se documenta a presenza de peregrinos estranxeiros no mosteiro bieito de San Xusto de Toxos Outos, asentado nunha gorxa do camiño que sae de Noia cara á cidade de Compostela. Ademais, existen na vila numerosos motivos xacobeos. Algúns están insculpidos nos escudos e brasóns que adobían os seus pazos urbanos. Na igrexa de San Martiño existe a figura do Apóstolo nunha xamba da porta principal e nunha estatua sedente e policromada do seu interior no que figura a inscrición “S. Jacobo” e varias cunchas de vieira adobiando as súas roupas. Outros motivos aparecen nas laudas do cemiterio de Santa María A Nova e na Capela dos Carneiro do mesmo templo, unha rica e ampla iconografía que demostra a relación do defunto con Compostela e a vinculación dos gremios medievais de Noia co Apóstolo Santiago.
Xerardo Agrafoxo
Mostrar o estreito vencello de Noia con Compostela é o obxectivo central destas fotografías, documentos e vídeo. E, ao mesmo tempo, aportar argumentos que favorezan a reparación dunha inxustiza: aquela que se está a cometer coas terras de Noia e Muros na difusión dos camiños de Santiago por mar.